01/09/10

Rainha Lupa marca o bo camiño para Carnota

. 01/09/10 .

Manolo e José Manuel, dous dos principás promotores
da cooperativa e Lucía, a sua técnica agronómica


O pasado dia 25, no lugar de Quilmas, a Cooperativa Agroecolóxica Rainha Lupa organizou unha cata e degustación das variedades de tomate que producen nos seus terreos e que contou ca asistencia dun amplo grupo de seareiros e simpatizantes da sociedade.
Fui unha boa ocasión para saber da situación actual dunha iniciativa posta en marcha como defensa ante a asoballadora presión da multinacional  Stolt Sea Farm que perseguía a ampliación da sua piscifactoría mediante a expropiación forzosa dos terreos dos veciños.
Esta cooperativa está composta por 15 participantes que uniron as suas leiras para traballalos de xunta.   Nas 30 Has. de terreos agrupados cultivan centeo e trigo de variedades autóctonas coma a "Callobre", patacas, cebolas, hortalizas de folla e de fruito como leitugas, acelgas tomates e pementos.
Comercializan a sua producción a través da cooperativa familiar de consumo Zocamiñoca, establecementos de hostería da localidade e das feiras e mercados locás.
Entre os seus obxetivos, a recuperación das variedades autóctonas de fruitas e hortalizas como o "ollo de perdiz" e as "pataca do riñón e pataca da papa" constitúe unha opción estratéxica.

















 A pesar da sua traumática orixe, a tal hora esta empresa veciñal, non só tén unha boa perspectiva de futuro, constitúese no exemplo vivo que marca o bó camiño para o desenvolvemento de Carnota e a recuperación dos seus recursos productivos.
Dende hai algo mais dunha xeneración, a agra e o monte de Carnota entraron nun estado de abandono como consecuencia da emigración.   Centos de veciños e familias, deixaron as suas casas, os seus montes e terreos para buscar millores condicións de vida polo mundo adiante, e como consecuencia as leiras mais productivas fóronse volvendo salgueirás e xesteiras, cando non plantacións forestás gracias á "clarividente" política de "forestación de terras agrícolas" da Xunta.
As variedades hortícolas locás coma o "ollo de perdiz", a "pataca do riñón" ou o "millo pinto", foron suplantadas por variedades foráneas de maior productividade pero inferiores condicións sensoriás e, sobre todo, cunha dependencia total da semente producida por multinacionás coma Monsanto, e xa sabemos que quen controla a semente, controla a comida da xente (Ver serie de artículos relativos ós transxénicos).
Por outra banda, unha política de "protección da natureza" concebida dende unha óptica estrictamente urbán que contempla coma instrumentos preferentes a prohibición e a sanción, contribuíu a estender a percepción dunha fonda hostilidade da Administración contra a povoación rural.  Esta política, deseñada ca arrogancia e o descoñecemento propios de burócratas afeitos a relacionarse co pais a través da ventaniña do automovel oficial, maniféstase en medidas como a prohibición do marisqueo de autoconsumo e da recolleita do xunco e do algazo e da area da ribeira, prohibición de limpeza dos rios e da vexetación das beiras e programas de recuperación da fauna salvaxe como porco bravo ou lobo, despreciando os estragos que producen entre o gando e os cultivos.
Esta percepción pesimista leva á desvinculación emocional do paisán co seu entorno, ca gravísima consecuencia do abandono de cultivos, montes, ribeira, rios e camiños.
Debemos ser conscentes de que, cos lugares valdeiros ou cunha povoación avelloada, o futuro que nos espera é o que estamos sofrindo nos últimos anos: incendios, cada vez mais graves e mais próximos ás casas, riadas, inundacións, perda de biodiversidade e degradación do meio.
O meio rural non se pode conservar sen a povoación que lle dou forma e o mantivo ó longo de centos de anos.   A sua riqueza paisaxística e ambiental é o resultado da actividade productiva da sua povoación ó longo de xeneracións.
O rural é unha "paisaxe cultural", non unha "paisaxe natural", e para manterse precisa "cuidadores", labregos que recuperen as fórmulas tradicionás de xestión sostible do territorio, adaptadas ó contexto económico e tecnolóxico, social e laboral de este tempo.  Precisamente o que está facendo a cooperativa Rainha Lupa.
É urxente recoñecer á xente do agro como axente determinante para a conservación do meio.
Se na xestión dos residuos se consagrou o principio "quen contamina, paga", na protección do meio debe aplicarse "quen conserva, cobra".   E no meio rural galego, quen conservou fui sempre o labrego.   A aplicación de este principio supón asumir que a protección do meio, non só non debe gravar as posibilidades de progreso, senón que debe constituirse en factor de desenvolvemento, de criación de postos de traballo e dunhas condicións de vida dignas a partir dos recursos da localidade: monte, agra, mar e patrimonio, o que en términos prácticos materialízase en:
- Recuperación da agra para producción agrícola e gandeira de especies e variedades autóctonas.
- Plan de xestión forestal no que se lle dea prioridade á gandeiría para producción de carne e derivados lácteos e, sobre todo, de esterco para a agra, considerando a producción de madeira aproveitamento secundario.
- Xestión sustentable dos recursos mariños e da beiramar.  Aquí temos o excelente exemplo das iniciativas da Confraría de Lira entre as que destaca a criación de "Reserva mariña de interese pesqueiro".
- Desenvolvemento dun sector manufactureiro de elaboración dos productos do sector primario.
- Protección e posta en valor do Patrimonio (cabaceiras, muiños, casetas mariñeiras, petroglifos, ...)
- Declaración da Paisaxe como Patrimonio Cultural
- Declaración de Carnota como "Concello de urbanismo sustentable".   Contruir si, pero ¿para canta povoación, en que sitios e con que materiás e tipoloxías"?

O obxetivo é lograr que o propio nome de Carnota se convirta nunha marca de calidade asociado ós valores de calidade de vida, sustentabilidade e vinculación tradicion-vangarda.
Por estes vieiros, Carnota tén as millores espectativas de futuro, e que hai materia humán para levalas adiante estánolo demostrando dia a dia a Cooperativa Rainha Lupa.

9 comentarios:

Jesús Dorda disse...

El aspecto de esos platos y cestos no puede ser más sabroso. Os deseo lo mejor en esa iniciativa para la conservación de la diversidad de las variedades autóctonas (biodiversidad también).
Que la tierra os lo pague con lo mejor de su producción.

Aurora Pimentel disse...

Os deseo mucha suerte, esos tomates parece que sabrán a tomate. Saludos a Carnota y toda esa tierra tan bonita (la laguna de Louro, el Pindo, etc.).

pdc disse...

Gracias amigos Jesús e Aurora polos vosos comentarios e os vosos ánimos.
Saúdos dende Carnota

eSedidió (do blog Éche o que hai) disse...

Parabéns e máis parabéns. Ogallá houbera no Pais máis iniciativas e sobre todo máis xentes coma vos. Vexo con certa emoción e sorpresa que tedes entre os vosos recomendados o meu modesto blog. Pois xa sabedes, aquí estamos para o que faga falla.

Unha aperta

eSedidió disse...

Esquecía. Como carallo (desculpando) podo facer para adquirir algún dos vosos produtos vivindo na área da Coruña?

pdc disse...

eSedidió, diolopaghe polos teus comentarios. Agardo que non che pareza mal que fixera unha ligazón ca tua última entrada referente ós transxénicos. Paréceme unha serie maxistral e cunha documentación fora do común.
A millor maneira de adquirir os productos de Rainha Lupa na bisbarra da Coruña é a través da cooperativa de consumo familiar Zocaminhoca.org
Tés a ligazón na entrada e tamén na lista de blogues.
Unha aperta

ubaldinho disse...

vaia produtos!!!! esta cooperativa é unha marabilla!

Casdeiro disse...

A cooperativa ten sitio web de seu? Gostaría poñer unha ligazón con eles...

pdc disse...

Ola Casdeiro, coido que a ligazóm mais recente ca Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa ven sendo a do seu blogue:
http://cooperativadeagriculturaecoloxicarainhalupa.wordpress.com/
Saúdos

 
{nama-blog-anda} is proudly powered by Blogger.com | Template by Agus Ramadhani | o-om.com