O porto de Quilmas fui o mais dinámico de Carnota nos primeiros decenios do pasado século, como atestiguan as construccións que ainda se conservan e que constitúen un dos conxuntos mais representativos da pesca artesanal de Galicia
Ó longo dos catrocentos metros deste portiño natural encarado ó N, ó abrigo do monte Pindo, chegaron a estar en actividade hasta cinco salgadeiras na primeira metade do séc. XX. De estas, duas foron reconvertidas en vivendas. A terceira mantén en bo estado de conservación a edificación principal que fui teitada hai pouco, atopándose en estado ruinoso o resto das instalacións o mesmo que as duas que restan, que xa ten parte das paredes caídas.
Outra cousa son as casetas dos mariñeiros. Situadas unhas ó longo do areal, outras formando un curro arredor do campo onde se enxugaban as pezas, atópanse todas en bo estado de conservación e prestando o servicio para o que foron construídas, salvo unha que fui reconvertida para vivenda ocasional.
Na madeira das portas dalgunhas destas construccións aparecen uns gravados feitos polos mariñeiros, posiblemente nos momentos de queda, onde están representadas as embarcacións que formaban parte do seu traballo cotian. Algunhas están feitas con realismo abondo como para distinguir unha lancha xeiteira ou un galeón.
Este valioso patrimonio está esposto permanentemente a diversas ameazas que o poden acabar destruíndo ou desvirtuando. Entre as mais inmediatas están -¿como non?- o urbanismo mostrenco, do que temos unha mostra a escasos cen metros, na escandalosa estructura dun edificio de apartamentos inacabado que, polo que parece, ninguén ten a responsabilidade de derruir. Outra é a polémica ampliación da factoría piscícola da multinacional Stolt Sea Farm, a quen a administración lle adxudica graciosamente o terreo que precisa, polo "liberal" procedemento de expropiarllo ós veciños.
No ano 2006, a directora xeral de fomento e calidade da vivenda, Encarna Otero, impulsou a rehabilitación de varias casetas mariñeiras en Caldebarcos. Esta actuación puxo de manifesto a dimensión e importancia do patrimonio mariñeiro de Carnota e como consecuencia esta dirección xeral determinou confeccionar o inventario de todas as construccións relacionadas ca actividade mariñeira cara ó posterior desenvolvemento dun programa para a sua protección.
Para asegurar a conservación deste patrimonio cultural é imprescindible que a dirección xeral mencionada ou, se cadra, outra mais acaída continúe na liña iniciada no 2006. No que toca á administración local, a millor contribución sería redactar canto antes o plan xeral de ordenación municipal e mentres tanto vixiar o comprimento da lei e perseguir as actuacións que poñan en risco este conxunto patrimonial.
2 comentarios:
Todo un patrimonio que hai que conservar.
Moi interesantes as túas entradas no blog. Gustoume especialmente a dos montes de man común, parece que coñezo a historia...
Un saúdo
Dispois de ver todas as entradas do teu blogue "serra da capelada" estiven mirando ás fotos e as pequenas historias que contas en cada unha. Son un recreo. Eu pagaría por ter un teixón que viera roubar a comida do can, ou unha curuxa na faiado. De momento confórmome con ter lagartixas, algún lagarto das silvas, escánceres, esgonzos e uns maravillos músicos emplumados de negro, os merlos, que alegran cada novo dia cos seus asubíos.
Mentres tanto seguirei lendo as tuas asisadas reflexións.
Saúdos
Enviar um comentário