21/09/09

O monte veciñal en man común

. 21/09/09 .

A singular fisonomía de Carnota caracterízase por unha cadea de montes de catrocentos metros de altura e unha pendente do vintecinco pon cento que se abre ó Atlántico formando un seo de case cincomil metros de embocadura. Os montes do Pindo ó norde e de Lira e Lariño ó sul, zarran a baía formando unha unidade xeomorfolóxica perfectamente apreciable dende o Alto de Adraño. A franxa central, correspondente ás parroquias de San Amede e Santa Comba, é unha veiga formada polo depósito dos restos erosivos do monte nunha extensa chaira ó seu pé. Ó longo do tempo e das variacións do nivel do mar, este chan que orixinalmente constituía unha raña de bolos fuise transformando, primeiro en xunqueira e posteriormente, en tempos históricos, en terra de cultivo. Pódese asegurar que Carnota é, en gran parte, filla do monte.

Dende tempos inmemoriales a povoación de Carnota extraíu do monte pedra para a construcción, madeira para as casas e as embarcacións, auga dos rios e das fontes, leña para o lume, pasto para o gando e estrume para a corte. O monte é o responsable da fertilidade da agra de Carnota. Ese chan areento que quece mais cedo na primavera pero do que escorren a auga e os nutrimentos coma dun cesto, precisa imperativamente a materia orgánica que lle proporciona o monte para manter a sua capacidade productiva.
Se non foran abondas todas esas virtudes, o monte de Carnota ainda ten outra característica que o fai especialmente valioso: a sua propiedade. Dos seus tres milleiros de hectáreas, mais da metade son propiedade comunal dos veciños agrupados en uito comunidades de montes xa constituídas e algunha mais en fase de constitución.
Todo este conxunto de qualidades fan do monte un podente motor para o desenvolvemento das parroquias e lugares de Carnota.

¿Que é o monte veciñal en man común?
http://www.orgaccmm.org/xLEXISLACION/ALMACEN/lemvmcregulX.htm

Son montes veciñais en man común os que pertencen ós veciños como comunidade e non a
título individual. Poden ser dunha parroquia (monte de Lira), dun lugar (monte de Adraño) ou dunha agrupación de lugares (monte de Freán, Insua, Lagareiros, Nóutigos e Pedrafigueira). Esto significa que o monte é do conxunto de veciños que teñen casa aberta no lugar pero ningún veciño individual é dono de ningún sitio concreto do monte. Cada veciño participa da propiedade do monte nomais que mentres viva no lugar. Un veciño que ven de novo pódese facer comuneiro con todos os direitos e o que marcha para outro lugar deixa de selo. Por eso o monte veciñal en man común non se pode partillar nin deixar en herdanza, ninguén o pode mercar nin embargar e a sua propiedade non prescrebe nunca. Esta forma de propiedade, chamada xermánica porque ven do tempo do reino suevo, constitúe unha singularidade histórica e xurídica de Galicia e ten tido un encaixe problemático no direito romano que é o que rexe no estado español. http://www.orgaccmm.org/
Ó longo da historia sufríu continuados actos de expolio e usurpación, hastra o punto que entre o se. XVIII e o XX a sua extensión quedou reducida a unha terza parte: de 1.600.000 Has. ás 600.000 que hoxe conservamos. O derradeiro capítulo tivo lugar nos primeiros anos do franquismo. En aplicación da Ley Hipotecaria de 1946, os montes comunales que se safaran da Desamortización de Madoz de 1855, foron adscritos ós Concellos e incluídos no inventario de bens municipales co simple trámite da certificación do secretario municipal e por fin pudo materializarse a vella teima dos técnicos forestales do estado, según os que: " los comunales de Galicia solamente son aprovechados para la obtención de rastrojos por los nativos de las aldeas, desoyendo así sus posibilidades de explotación forestal" . O Patrimonio Forestal del Estado, entidade pública creada en 1941, levou a cabo unha repovoación masiva, primeiro de pino e mais tarde de eucalipto, inaugurando ó mesmo tempo unha espiral de incendios florestales que a cada volta comprende maior número de focos e afecta a maior número de hectáreas.

Os incendios florestales
Muito se ten debatido acerca das causas dos incendios no monte, para acabarlle botando a culpa de todo ós individuos que por diversos motivos lle prenden lume. Para encarar debidamente o problema
convén separar, por unha banda os axentes incendiarios e as suas motivacións e por outra as causas mais fondas que non se ven, se cadra, porque as temos diante dos ollos. É ben sabido que o millor agochadeiro é o que está mais á vista.
A responsabilidade do lume no monte fúiselle atribuindo sucesivamente ós paisanos que querían queimar unha toxeira e perdían o control da queima, ós empresarios da madeira en busca de materia prima mais barata, ós gandeiros para favorecer a producción de pasto, ós empresarios da construcción para poñer mais chan edificable no mercado e, ultimamente, a traballadores das brigadas de extinción de incendios que seique pretendían ampliar a duración dos seus contratos. Efectivamente, éste é un compoñente importante do problema e está relacionado co número de focos que se inician cada ano, pero estamos enganados se pensamos que con eliminar este factor xa está resolta a ecuación: non se pode resolver porque está mal plantexada.
No actual modelo florestal hai dous elementos chave que nos trouxeron á catastrófica situación actual: no primeiro término está o despovoamento do rural, co abandono case total da actividade agraria ó que contribuíu a usurpación do monte comunal por parte do estado e que dou como resultado a desvinculación dos veciños co monte. É certo que se vai correxindo en parte ca restitución da sua propiedade ás comunidades de montes e con iniciativas que se van abrindo camiño con dificultades abondas, pero custará muito tempo e traballo desfacer o mal feito.
No segundo término está a persistencia daquela obsesión dos técnicos florestales do XIX : "o monte é para madeira". Esta concepción florestal simplista, ainda hoxe continúa a ser dominante, non só entre os técnicos e axentes da administración, senón tamén entre gran parte dos comuneiros.
Hai xa abonda información acumulada para saber con certeza que no concello de Carnota e nas suas Comunidades os ingresos por venda de madeira nos últimos vintecinco anos non chegan á décima parte dos investimentos e gastos nese prazo para producila e que inclúen os gastos de preparación, plantación e mantemento, pero tamén hai que sumar os de extinción de incendios, dotación e conservación de puntos de auga, tornalumes e pistas, así como traballos de prevención e recuperación das parcelas queimadas.
A producción de madeira nas condicións actuales é un negocio ruinoso. Para Galicia, para Carnota, para os veciños e para o propio monte.
Este modelo florestal está fracasado e debe ser sustituído por outro mais racional, fundamentado no mantemento a longo prazo da capacidade productiva do monte e deseñado para poñelo a salvo do lume. E debe facerse canto antes porque está tendo lugar un fenómeno de adaptación parasitaria dos sectores ligados á actividade florestal e a prevención e extinción de incendios. A que se está empezando a conocer como "industria do lume". Un ciclo completo, dende a plantación ó turno de corta, dura uns trinta anos. Se este ciclo se rompe cada uito ou dez anos a causa dos incendios, a actividade de limpeza do monte, plantación e mantemento, multiplícase por catro. Do mesmo xeito, a cantidade e duración das contratacións para prevención e extinción de incendios, aumentará en relación ó numero de focos e de hectáreas queimadas cada ano. Faise evidente que a actividade económica destes sectores vese afectada favorablemente polos incendios, polo que é de esperar unha forte resistencia a calquera intento de mudar este modelo de aproveitamento do monte por outro que reduza ou erradique o lume.


¿Cal modelo?
O monte non é homoxeneo. Hai partes de él axeitadas para prados e pastos, outras para frondosas, outras incluso para coníferas e hastra para toxos e carrouchas, dependendo da constitución e fondura do chan, da auga a dispor ou do grado de exposición ó sol e ós ventos. O monte presenta diversas condicións e o seu aproveitamento debe ser tamén diversificado e axustado a esas condicións.
Outro aspecto importante a ter en conta é a dimensión e continuidade das masas arboradas en relación ca combustibilidade da especie que as compón. Canto maior sexa ésta, menor debe ser a sua superficie e maior a separación da plantación contigua.
Pero o eixe dun modelo florestal novo, asentado no principio de sustentabilidade e a salvo do lume, está na gandeiría. Hai mais de trinta anos que un pequeno pero comprometido grupo de técnicos florestales e agrícolas, veñen defendendo a introducción do gando no monte, non só como medio eficaz para a prevención de incendios e a rexeneración do monte e da sua capacidade productiva, senón como alternativa preferente polo seu rendemento económico, superior ó da madeira. ("Unha alternativa gandeira pra os montes de Galiza". Ildefonso Antón Caamaño. 1981. Ed. Galaxia).
Non se trata de ceibar cabalos, vacas ou cabras a eito polo monte e esperar que o deixen todo mondado coma se foran desbrozadoras, porque non o son. O gando é en si mesmo unha escolleitía productiva e para que dea rendemento haino que manter e gobernar en condicións. Hai que establecer pastizales, encalar, sementar, fertilizar e zarrar as parcelas axeitadas. Aplicando a carga gandeira que a productividade de cada parcela permita e facendo quendas de pastoreo entre as distintas parcelas, en poucos anos estes pasteiros non só estarán producindo beneficios, senón que terán millorado apreciablemente a calidade do chan e reducido nun alto porcentaxe o risco de incendio.
Alternándoas cos pastizales, as plantacións de frondosas onde as condicións o permitan e onde non, as de outras especies, terán mais posibilidades de chegar a turno de corta, comprindo mentres tanto importantes funcións: favorecer a formación do sochán, extraer nutrimento dende o fondo á superficie, contribuir ó almacenamento de auga e proporcionar abrigo ó gando e á fauna silvestre.
Levar adiante esta alternativa requer o convencemento e o acordo da maioría dos comuneiros, planificar o proxecto, estudar a sua viabilidade, determinar cantos pastizales e onde se van facer, canto gando e de que razas se vai introducir e como se vai gobernar e, o principal, dispoñer de xente disposta a investir no proxecto os cartos, o tempo e o traballo necesarios. Pode asumir a iniciativa por si mesma a propia comunidade, pero tamén pode facelo a través dun contrato de cesión a unha agrupación de comuneiros que constitúan unha sociedade gandeira ou a veciños particulares. Quenqueira que se responsabilice do proxecto debe contar co máximo respaldo e as máximas facilidades por parte da Comunidade de Montes, porque a parte mais importante dos beneficios económicos, sociales e ambientales serán para ela.
 

0 comentarios:

 
{nama-blog-anda} is proudly powered by Blogger.com | Template by Agus Ramadhani | o-om.com